Saturday 18 de May de 2024

A Xunta destaca a importancia da transparencia na contratación pública para garantir unha xestión máis eficiente dos fondos públicos


A EGAP acolleu hoxe unha xornada formativa sobre transparencia e eficiencia na contratación pública á que asistiron máis de 250 persoas
 A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, clausurou esta tarde a xornada formativa Transparencia e eficiencia na contratación pública, que se celebrou na Escola, á que asistiron máis de 250 persoas. Durante a xornada, na que participaron destacados expertos a nivel nacional, expuxéronse medidas e solucións para evitar casos de corrupción e ineficiencia nos procesos de contratación por parte dos xestores públicos e analizáronse as novas directivas europeas sobre esta materia, que deberán ser aplicadas a partir do 18 de abril.

A directora da EGAP lembrou que os casos de corrupción e as prácticas clientelares relacionadas coa contratación pública producen ademais de evidentes ineficiencias económicas, “unha inevitable perda de lexitimación democrática das institucións administrativas e políticas”.

Sonia Rodríguez-Campos destacou que a transparencia na contratación convértese nunha premisa fundamental, “xa que garante o efecto útil da igualdade procurando que non se distorsionen as condicións de competencia”. Apuntou que “unha axeitada e efectiva transparencia na contratación permite tanto unha xestión máis eficiente dos fondos públicos como o dereito a unha boa administración, recollido este último na Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea”.

Durante a súa intervención, a directora da EGAP lembrou que a transparencia na contratación pública non só serve para facilitar a información aos licitadores e favorecer a concorrencia e a eficiencia, senón tamén serve “para dar información á cidadanía de como se xestiona a contratación pública coa intención de avanzar no dereito a unha boa administración e, por ende, a un control desta a través da rendición de contas á sociedade”.

Ademais sinalou que as esixencias da cidadanía e os cambios normativos derivados das tres directivas de contratación converten en ineludible a formación neste eido co fin de profesionalizar o sector. “Esixir unha maior cualificación e responsabilidade dos xestores públicos permitirá fomentar unha cultura ética da actuación administrativa que, en último termo, garanta e promova a integridade na xestión dos asuntos públicos”, apuntou.

A xornada formativa comezou coa intervención de Francisco Javier Vázquez Matilla, director do curso, membro do grupo de expertos en contratación pública da Comisión Europea, vogal do Tribunal Administrativo de Contratos Públicos de Navarra e avogado do Concello de Pamplona. Participou co relatorio sobre as boas prácticas en materia de contratación pública no que analizou as medidas para promover a transparencia e evitar a corrupción e falou dos problemas dos criterios de adxudicación, o procedemento negociado e a necesidade de negociación. Ademais expuxo exemplos de boas prácticas a nivel autonómico e local.

Matilla, na súa intervención, apuntou que a igualdade no trato dos licitadores e a transparencia son os principios máis importantes que deben rexer a contratación pública. “É necesaria unha contratación transparente en tódalas fases do proceso e garantir a máxima obxectivación e automatización nos criterios de adxudicación para evitar casos de corrupción e ineficiencia e eliminar a excesiva discrecionalidade que existe en moitas licitacións”.

Ademais apuntou que a clave é a adecuada definición dos contratos. “Para iso hai que contar con todo o mercado sen favoritismos. Se o obxecto está ben definido o mercado acode ao contrato e evítanse sobrecustos”. Neste sentido, sinalou que as novas directivas europeas poñen o acento nesta cuestión e na necesidade de realizar consultas preliminares.
De seguido, participou o subdirector xeral da Dirección de Política Económica, Pedro Guerrero Meseguer, que falou sobre a revisión do prezo do contrato.

A profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Castela-A Mancha, Isabel Gallego Córcoles, interviu co relatorio sobre os problemas na execución do contrato: equilibrio económico e extinción.

O curso continuou pola tarde coa intervención de María José Santiago Fernández, presidenta do Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Xunta de Andalucía, que tratou na súa intervención sobre a distribución dos contratos en lotes para favorecer o acceso ás pemes.